Thursday 09 de May de 2024

O Concello de San Sadurniño aglomerará este xoves e mailo venres a Avenida Marqués de Figueroa


O consistorio prohíbe aparcar en todo o trazado mentres duren os traballos e recomenda espazos de estacionamento alternativos

 

As obras de remodelación da avenida Marqués de Figueroa están a punto de rematar. Os obreiros da empresa adxudicataria traballaban esta mañá na Agra de Arriba para deixar listo o último tramo de beirarrúa que figuraba no proxecto e durante este xoves 21 e venres 22 de marzo está previsto levar a cabo o aglomerado de todo o trazado, desde máis arriba da Capela de Belén até a confluencia da avenida coa estrada de Ortigueira. Por este motivo, desde o Concello avísase que durante os dous días queda prohibido aparcar en ambas marxes de Marqués de Figueroa e aconséllaselles ás persoas usuarias que utilicen zonas de estacionamento alternativas, como por exemplo o campo do bispado situado entre o colexio e o edificio Villa de la Tranquilidad.

Mentres duren os traballos de aglomerado non se interromperá o tráfico, senón que estará regulado co obxectivo de que, dentro do que cabe, poida transitarse pola vía con máis ou menos normalidade. A diferenza dun asfaltado convencional, este tipo de pavimentación precisa maquinaria de grande tamaño e o movemento constante de camións traendo materia prima para o novo firme, razón pola que, mentres non rematen, se recomenda non pasar por alí a menos que sexa estrictamente necesario.

Neste sentido, para o tráfico que queira cruzar a Silvalonga desde a AC-862 (ou ao revés) aconséllase tomar as pistas alternativas de Vilafiúnce -e desde alí á Agra de Abaixo ata a estrada provincial- ou ben a da Portela. Para bordear o centro urbano tamén se poden empregar a pista do Enxerto e incluso a de Corrás, que rematan ambas na zona do Campo da Feira, punto que seguramente quedará listo en primeiro lugar.

O que si estará prohibido é estacionar ao longo do case un quilómetro de avenida mentres duren os traballos. Poderán facerse paradas para subir ou baixar persoas ou para acceder a garaxes, pero desde o Concello insístese en que fai falla deixar libre de vehículos todo o percorrido.

Como alternativa para a zona do colexio e da Casa da Cultura ofrécese aparcamento no campo propiedade do Bispado, capaz de absorber esta necesidade puntual. Tamén se poden usar as dúas paralelas ao recinto do CPI, a norte e a sur, así como o estacionamento do Centro de Saúde, aínda que nese caso tendo precaución posto que alí tamén se están desenvolvendo as obras de apertura da nova rúa que comunicará o pavillón municipal co Convento do Rosario.

Coas previsións de bo tempo que se agardan para o que resta de semana, agárdase que os labores de aglomerado finalicen cara á tarde do venres. Logo pintarase a sinalización horizontal e a obra quedaría unicamente á espera de que se instalen os valados de madeira para os colectores do lixo. Traballos que, en calquera caso, deberían concluír nos próximos días.

Día Mundial Forestal
O comezo da renovación do firme en Marqués de Figueroa cadrará co Día Mundial Forestal. Unha data que o CPI de San Sadurniño celebrará plantando as árbores aínda pendentes da semana pasada, cando a rapazada puxo 14 exemplares da Prunus Royal Burgundy con motivo do Friday for Future.

A rapazada da ESO está citada para as 12.30h. para plantar outras tantas árbores desta especie caducifolia emparentada coas cerdeiras que non dá froito, aínda que si unhas vistosas flores de cor púrpura.